jueves, 3 de julio de 2014

ATA SEMPRE!

Moitas grazas por estes dous marabillosos anos nos que me fixestes parte das vosas vidas. Só teño palabras boas para tod@s (tigres e familias) e estou moi orgullosa de ter visto a vosa evolución desde que empezastes na escola, tan pequerrech@s e con aquelas cariñas asustadas, ata o día de hoxe, moito máis grandes e con moitas cousas aprendidas. 
Deséxovos que sigades tan simpátic@s, cariños@s e con tantas ganas por aprender como ata agora.
Desfrutade moito destas vacacións de verán e recargade as pilas para poder volver en setembro con moitas forzas. 
Unha aperta enorme e un montón de bicos! 
Quérovos moito!

sábado, 28 de junio de 2014

OS TIGRES NO PATIO

Aquí nos tedes desfrutando dos últimos días de curso no patio do cole. Entre risas, xogos, carreiras, fútbol e apertas pasamos moi bós momentos. Aquí está a proba!

jueves, 26 de junio de 2014

POR FIN! OS NOSOS VERMIÑOS CONVERTÉRONSE EN BOLBORETAS!

Na última semana que pasamos os tigres no cole tivemos a sorte de poder comprobar por nós mesmos o último pasiño na evolución dos vermes de seda. Estes saíron dos seus casulos convertidos nunhas bolboretiñas grises moi simpáticas. Neste momento, puidemos diferenciar entre as bolboretas femia que son máis pequenas e están máis quietiñas e as bolboretas macho, máis grandes e cun movemento de ás constante para chamar a atención das femias. 
Pasado un tempo as bolboretas puxeron os seus oviños dos que máis adiante sairán máis vermiños e outra vez volta a empezar.
Aquí vos deixamos as fotos desta actividade tan chula!








domingo, 22 de junio de 2014

CANTO TRABALLAMOS NESTE ÚLTIMO TRIMESTRE!

Nestes últimos días do terceiro trimestre estivemos moi atarefados preparando as portadas para levar a casa os nosos traballos. Por unha banda, fixemos un cangrexiño moi simpático para presentar as nosas fichas diarias e para o cal realizamos distintas tarefas: picado, estampado con corchos e con bastonciños das orellas, moldeado de plastilina, pegado de gomets... 
E por outra parte, tamén fixemos as portadas para o proxecto anual da Prehistoria. Para isto, repasamos con ceras brandas a silueta dun bisonte, a continuación fixemos unha bola co papel para que quedara moi engurrado e, por último, pintamos cun pincel e con témpera marrón augada por dentro do animaliño. Para darlle un toque máis prehistórico, as profes queimáronlles un pouquiño os bordes ao papel e.... aquí tedes os resultados. 
Agardamos que vos gusten!

viernes, 20 de junio de 2014

FELICIDADES PABLO!

Só nos faltaba Pablo para completar as celebracións adiantadas dos cumples. O mércores foi o seu día e encantounos pasalo ao seu lado, soprando as velas, cantándolle e probando o riquísimo biscoito de chocolate feito pola súa mami. Ademais, tivemos a sorte de que tamén nos trouxo un tubiño de Lacasitos para cada un. Moitas grazas Pablo e que cumplas moitos máis!

viernes, 13 de junio de 2014

CELEBRAMOS O CUMPLE DE ANA

Seguimos coas celebracións adiantadas dos cumples do verán. Este xoves tocoulle a Ana soprar a vela dos 5 anos e recibir moitas felicitacións. Ela agasallounos cun riquísimo biscoito da panadería dos seus avós que tiña a Hello Kitty feita con azucre, chuches e tronquiños de chocolate facendo de bigotes. Encantounos! Moitos parabéns Ana!

ARTISTAS PREHISTÓRICOS

Esta semana estivemos traballando a arte rupestre e, para iso visionamos na nosa pantalla pequenos trozos de documentais nos que puidemos ver como eran as pinturas que se facían dentro das cavernas e que se empregaba para facelas. Deste xeito, aprendemos que aos cavernícolas gustáballes moito representar escenas de caza e tamén pintar as súas mans. Isto facíano tanto en positivo (mollando a palma da man e estampándoa) como en negativo (colocando a súa man limpa na parede da caverna e, a continuación, soprando por unha cana que tiña dentro arcilla, sangue... e deixando así a silueta da man). 
Os tigres non queriamos ser menos e decidimos estampar as nosas mans nas paredes da cova que temos na entrada do cole e así o fixemos. Mirade, mirade!

martes, 10 de junio de 2014

ANIVERSARIO DE LOLA

Hoxe tivemos na clase a celebración adiantada dos 5 aniños de Lola, xa que ela os fai no mes de xullo, cando xa non hai cole. Tivemos tempo para sacarlle unhas fotos coa súa coroa, cantarlle o cumpreanos feliz, darlle uns tiróns de orellas e, por suposto, soprar as velas e degustar a riquísima tarta que trouxo.
Ademais, Lola tíñanos unha sorpresa preparada: un cucurucho de chuches para cada un de regalo!!
Moitas grazas Lola e que cumpras moitos máis!

viernes, 6 de junio de 2014

FACEMOS UN EXPERIMENTO

Hoxe convertémonos en científicos por un día. Para poder facer o noso experimento necesitamos 3 caraveis, 3 vasos de tubo transparentes e 3 botes de colorante líquido (amarelo, azul e vermello). 
O primeiro que fixemos foi encher os vasos con auga ata a metade, a continuación, botámoslle un pouco de colorante en cada vaso ata que a auga quedou completamente tinguida: nun vaso botamos azul, noutro vermello e no último amarelo; e, finalmente, introducimos cada flor dentro dun vaso.
Unha vez feito isto, comezamos a pensar que sería o que podería pasar. Houbo respostas de todo tipo: "crecerán moito", "sairanlle fillos", "caeranlle as follas" e incluso que "as follas dos caraveis poñeranse da cor da auga do vaso". Moitas voltas lle demos as nosas cabeciñas!
Ao cabo dunha hora máis ou menos, a flor que estaba no vaso azul comezaba xa a cambiar a súa cor e nos extremos dos seus pétalos xa se empezaba a distinguir a cor azul. A medida que foi avanzando a mañá, nas outras dúas flores tamén se empezaban a ver resultados. 
Como estabamos tan emocionados con este experimento, decidimos darlle unha volta máis e probar a ver que pasaría se misturáramos dúas cores nun mesmo vaso. E así o fixemos, botamos azul e amarelo noutro recipiente con auga e.... SORPRESA! a auga volveuse de cor verde. Alí metemos o noso último caravel para ver se tamén este cambiaba de cor. 
Aquí tedes as fotos desta actividade tan interesante!

 

miércoles, 4 de junio de 2014

MELLORES LECTORES DE MAIO

E aquí temos aos últimos, pero non por iso menos merecidos, mellores lectores e lectoras do curso. Neste mes de maio os elixidos polo seu interese e gusto polos contos son catro: Rubén, Luana, Carmen e Pablo.
Moitos parabéns! 


UNHA VISITA MOI ESPECIAL

Esta mañá tivemos no cole uns invitados moi especiais: un cetrero que veu acompañado da súa curuxa, Duda. Despois do recreo, fomos todos para a pista verde e alí disfrutamos dunha pequena exhibición: o cetrero deixaba a Duda enriba dunha portería para, a continuación, chamala e que esta volvera a pousarse no seu brazo. Como eramos moitos e a pobre curuxa estaba un pouquiño abrumada, fomos cada curso para a nosa aula e o cetrero foinos visitando. Así puidemos preguntarlle algunhas dúbidas, escoitar atentamente as súas explicacións e comprobar o suaves que son as plumas da curuxa (non todos, porque algúns non estabamos moi convencidos de achegarnos tanto a ela).
Aquí vos deixamos as fotos desta agradable visita!

martes, 3 de junio de 2014

ANIVERSARIO DE ALBA

Cada vez somos máis os que xa estamos no clube dos 5 anos. Hoxe foi turno de Alba e celebrámolo como se merece: cun biscoito riquísimo adornado con chuches, cunha coroa preciosa e cantando e soprando a vela. Pasámolo xenial!
Moitas felicidades Albiña!

jueves, 22 de mayo de 2014

COMO CAMBIARON OS NOSOS VERMES DE SEDA!

Despois de varios días botándolles follas de moreira aos nosos vermiños de seda e de ver como se ían poñendo cada vez máis gordechos, esta semana comezaron a encasular. Agora mesmo temos catro casulos amareliños e tres vermes que non foron quen de encasular. Estes farán a metamorfose á vista.
Xa estamos contando os días para que finalice o proceso e ver saír as bolboretas!!




martes, 20 de mayo de 2014

FELICIDADES MARÍA!

Aínda que María cumple 5 aniños en agosto, cando xa non hai cole, non ía quedar sen a súa celebración e por iso trouxo hoxe a clase un biscoito riquísimo con moitas chuches por riba. Como nos puxemos!
Moitos parabéns María!

lunes, 19 de mayo de 2014

CORRE CORRE, CABACIÑA

O venres celebramos o Día das Letras Galegas cun divertido festival no auditorio. Os tigres representamos a obra "Corre corre, cabaciña" baseada no conto do mesmo título e fixémolo xenial. Para os que non nos puidestes ver ou queredes repetir aquí tedes o vídeo e as fotos deste momento. Agardamos que vos guste!


miércoles, 14 de mayo de 2014

FOMOS PREMIADOS!

Hoxe pola tarde, despois dunha entretida sesión de contos con Anxo Moure, tivo lugar a entrega de premios da Carreira pola Lingua e do Certame Literario, no que os alumnos e alumnas de E. Infantil participamos na modalidade de debuxo. Máis abaixo podedes admirar as nosas creacións para este certame. Nelas o tema principal foron as paisaxes galegas, imitando o estilo do artista coruñés Jorge Peteiro. Para iso, visionamos na pantalla da aula moitas das súas obras, as cales caracterízanse por ter moito colorido, liñas rectas e marcos con distintos elementos como decoración.
Tan bonitas quedaron as nosas creacións e tan ben o fixemos onte na Carreira pola Lingua que recibimos tres agasallos para compartir na clase: uns libros de animaliños, unha goma e unha corda para saltar.
Que sorte!!

sábado, 10 de mayo de 2014

PLANTAMOS NA HORTA

O venres, os tigres convertémonos en agricultores por un día e, coa axuda do profe Xaquín, estivemos plantando chícharos na horta do cole. Fomos en dous grupos para poder traballar mellor. O primeiro foi colocar a semente no buratiño, despois cubrimos o oco con terra para, a continuación, regar cun pouquiño de auga. 
Estamos feitos uns expertos! Mirade!
 

ANIVERSARIO DE NICO

O venres celebramos na clase o cumple de Nico, que xa ten 5 aniños. Que rápido pasa o tempo!
Nico trouxonos un biscoito de chocolate riquísimo, cunha decoración de lacasitos moi orixinal.
Moitos parabéns!

jueves, 8 de mayo de 2014

MELLORES LECTORES DE ABRIL

Neste mes os nenos elixidos como mellores lectores foron Sergio e Pablo que marcharon para casa moi contentos cun conto como agasallo. Parabéns para os dous! 
Quen serán os mellores lectores ou lectoras do próximo mes?


lunes, 28 de abril de 2014

OS PADRIÑOS E AS MADRIÑAS LENNOS CONTOS

O venres pola tarde pasamos un rato moi bonito e entretido cos nosos compañeiros e compañeiras de 4º, 5º e 6º de Primaria. Con motivo da semana do libro, cada tigre tiña un padriño ou unha madriña asignada, os cales viñeron a presentarse e a coñecer os nosos gustos ao longo da semana para o venres agasallarnos coa lectura individualizada dun conto e dun oviño de chocolate. Que sorte temos con estes compañeiros/as tan bós!
Mirade que atentos estivemos!

TEMOS AMIGOS NOVOS NA AULA!

Hoxe pola mañá, cando chegamos a clase, tiñamos unha sorpresa moi grande: uns novos compañeiros que nos van acompañar ata que remate o curso. Estes son moi especiais xa que só comen follas dunha planta que se chama moreira, rillan nelas e vanse facendo cada vez máis grandes, tanto que cambian a súa muda varias veces ao longo deste proceso. Cando xa son grandes abondo, fan un casulo de seda e están dentro uns días ata que ocorre a maxia da metamorfose e convértense en bolboretas. Supoño que a estas alturas xa saberedes que se trata dos vermes de seda. No blog xeral de Infantil http://oslabartapedra.blogspot.com.es/ podedes ver un vídeo co conto que escoitamos hoxe e no que se explica todo o proceso.
Estamos moi emocionados con estes novos compañeiros, tanto que hoxe xa puidemos collelos, tocalos, ver como se moven, como comen... 
Xa vos seguiremos informando a medida que estes amiguiños vaian crecendo.
 
 


lunes, 14 de abril de 2014

TRABALLOS DO 2º TRIMESTRE

Para poder levar a casa os nosos traballos deste segundo trimestre ben presentadiños, tivemos que traballar moito na clase. Para a portada, decoramos unha cartolina con papeliños de diferentes cores facéndolle primeiro un marco e cubrindo despois o interior ao noso gusto. Fixemos tamén unha bolboreta moi bonita a cal tivemos que pintar con ceras brandas, botarlle Alkyl e, a continuación, purpurina nas dúas ás. Por último, pintámoslle os pétalos a unha flor, picámola e finalmente pegamos estes dous elementos enriba da nosa cartolina.
A contraportada das nosas fichas e unha obra de arte titulada "Os lirios" pertencente a un autor moi coñecido chamado Vincent Van Gogh, o cal estivemos a traballar durante todo este trimestre. Neste caso fixemos a nosa particular versión deste cadro, estampando os lirios cunhas esponxas de distintos tamaños e, a continuación, debuxando co pincel o resto de flores e elementos que compoñen esta obra.
Aquí vos deixamos coas fotos de todo o proceso, o resultado xa o tedes na casa.

viernes, 4 de abril de 2014

MELLORES LECTORAS DO MES DE MARZO

As elixidas deste mes son María e Carla polo seu interese e atención durante as lecturas dos contos así como pola súa imaxinación á hora de relatarnos historias. Moitos parabéns para as dúas!


lunes, 31 de marzo de 2014

COÑECEMOS A VINCENT VAN GOGH

Se no primeiro trimestre os tigres coñecemos a Kandinsky, neste trimestre estamos a traballar a Vincent Van Gogh. Grazas a algúns contos e a unha peli chulísima das tres mellizas que nos trouxo Constanza puidemos aprender que Vincent foi un pintor holandés que pasou grande parte da súa vida en Arlés (Francia). Alí vivía nunha casa amarela (a súa cor favorita) na cal tiña unha habitación que lle gustaba moito e saía a pintar paisaxes tanto de día como de noite. Proba disto é a obra que nos reproducimos "La noche estrellada", na cal Van Gogh pintou unha fermosa paisaxe de Arlés de noite.
Mirade que artistas estamos feitos!

martes, 25 de marzo de 2014

ANIVERSARIO DE CARLA

Cada vez son máis os tigres que se nos van facendo maiores. Hoxe tocoulle o turno a Carla que xa ten 5 aniños! Como nos gustou o biscoito de chocolate feito pola súa mami que nos trouxo. Que cumpras moitos máis Carla!

sábado, 22 de marzo de 2014

CELEBRAMOS O DÍA DA ÁRBORE

Aproveitando a chegada da primavera, o venres saímos ao noso patio para celebrar o Día da Árbore plantando unha Hebedonna. Primeiro tivemos que encher un pouquiño o oco con terra, despois metemos a planta e, a continuación, botamos máis terra para cubrir todo. Unha vez que tiñamos feito esto, fomos coller auga cunha regadeira e botamoslla á nosa Hebedonna. Estamos feitos uns xardineiros e xardineiras excelentes!

jueves, 20 de marzo de 2014

INVESTIGAMOS O MUNDO DOS TIGRES

Xa levamos uns días falando sobre os tigres de dentes de sable. Estamos a aprender un montón de cousas: sabemos que tamén se lles chamaba Smilodon, vimos cales eran as partes do seu corpo, buscamos na bola do mundo América do Norte que foi onde apareceron e América do Sur que foi o lugar onde se atoparon os últimos antes de que se extinguiran e tamén comprobamos as súas medidas. Por este motivo, decidimos facer os cairos dun tigre de dentes de sable a tamaño real (20 cm aproximadamente). Para iso, primeiro empregamos a cinta métrica e marcamos nunha folla onde estaba o número 20 e fixemos unha liña, despois coa plasti puxémonos mans á obra, cando rematamos botámoslle Alkyl e mirade cal foi o resultado!

martes, 11 de marzo de 2014

ANIVERSARIO DE CARMEN

Hoxe celebramos na aula o cumple de Carmen. Tivemos tempo de cantarlle o cumpreanos feliz, soprar as velas e degustar un riquísimo biscoito feito pola súa mamá na pastelería. Mmmmm encantounos. Parabéns polos teus 5 aniños, Carmen!

sábado, 8 de marzo de 2014

MELLORES LECTOR@S DE FEBREIRO

Como xa estamos en marzo, toca anunciar aos mellores lectores e lectoras do mes pasado. Nesta ocasión os elixidos son Lola e Nico polo seu interese polos contos e o seu coidado coa biblioteca de aula. Seguide así! Parabéns para os dous!

lunes, 3 de marzo de 2014

EN INFORMÁTICA

Como xa sabedes todos os mércores pola tarde temos informática e para iso temos que desplazarnos ata o cole dos maiores. Unha vez alí subimos as escaleiras moi caladiños para non molestar e imos ata a Aula Tic onde nos espera a profe Chus cos ordenadores acendidos e preparados para poder xogar.
O mércores da semana pasada estivemos facendo un xogo no que había que asociar o número coa cantidade correspondente, ordenar os números de xeito ascendente... Mirade que concentrados estabamos! Fixémolo xenial!

viernes, 28 de febrero de 2014

OS CAVERNÍCOLAS INVADIMOS O INSTITUTO

Por fin chegou o día e puidemos poñer os nosos disfraces de prehistóric@s. Que guapos estabamos! Coas nosas vestimentas primitivas dirixímonos camiñando ata o instituto de Baio onde puidemos degustar uns produtos típicos de Entroido que estaban deliciosos e escoitar a un grupo de gaiteiros que nos animou a mañá.
Foi un día perfecto!

jueves, 27 de febrero de 2014

OS NOSOS DISFRACES PREFERIDOS

Hoxe xoves o Meco deixounos vir cos nosos disfraces favoritos. Que ben! Tivemos moita variedade: paiasos, ninjas, princesas, personaxes de debuxos animados... Estabamos guapísim@s!

miércoles, 26 de febrero de 2014

AO COLE CO PIXAMA

O mandato do Meco para hoxe foi: "Se o mércores te queres divertir, un pixama deberás vestir". E aquí estamos. Mirade!

martes, 25 de febrero de 2014

OS TIGRES ELEGANTES

Hoxe o mandato do meco foi: "Como o martes é un día importante, terás que vir elegante". E así o fixemos. Estabamos tod@s super elegantes e coa cariña pintada. Aquí tedes a mostra.

lunes, 24 de febrero de 2014

COMEZAMOS A SEMANA DE ENTROIDO

"O luns moi ledo virás e algo na cara pintarás". Iso foi o que nos mandou o Meco para hoxe e así de guapos viñemos.

miércoles, 19 de febrero de 2014

POESÍA DA PREHISTORIA

Como algúns xa saberedes, dentro do noso proxecto da prehistoria tamén nos dou tempo a aprender unha poesía que nos encanta e que a maioría xa nos sabemos de memoria.
Aquí vola deixamos para que a podades practicar tamén na casa.


lunes, 10 de febrero de 2014

ANIVERSARIO DE LUCAS

O venres pasado os tigres celebramos o aniversario de Lucas que xa ten 5 anos. Como pasa o tempo! Moitos parabéns e que cumpras moitos máis!

lunes, 3 de febrero de 2014

MELLORES LECTORAS DOS MESES DE DECEMBRO E XANEIRO

Desta vez tocálles a Alba e a Constanza ser as mellores lectoras do mes. Elixímolas polo seu gusto por escoitar e mirar os contos, polo seu coidado coa biblioteca da aula e pola implicación á hora de ordenala. Moitos parabéns para as dúas!

COROAS DA PAZ

O día 30 de xaneiro celebramos no cole o Día da Paz e Non Violencia. Estivemos falando dos comportamentos axeitados que debemos ter todos os días (non só nesta data) e saíron cousiñas moi interesantes: temos que ser todos amigos/as, compartir as nosas cousas, portarnos ben, coidar moito aos membros da nosa familia, aos animais, as plantas...
Como despois do recreo nos reunimos todos no patio cuberto para representar a "Cantarela dos nenos" e queriamos estar moi guapos, fixemos unha coroa co símbolo da paz decorado de moitas cores. Mirade que chulas nos quedaron!
No blog xeral  http://oslabartapedra.blogspot.com.es/ publicaremos as fotos desta celebración cos nosos compañeiros/as das clases dos dodos e dos mamuts.

miércoles, 29 de enero de 2014

XOGAMOS COA PIZARRA DIXITAL

Aquí tedes unha mostra do que aprendemos xogando coa nosa PDI da aula. Apagamos as luces, acendemos o proxector, collemos o lápis máxico e empezamos a coñecer un montón de cousiñas sobre conceptos básicos como os números, as cores, as letras, as formas... e o mellor de todo é que o pasamos tan ben que o tempo pasa rapidísimo. Mirade, mirade!

viernes, 24 de enero de 2014

ANIVERSARIO DE SERGIO

O venres 17 deste mes celebramos o primeiro cumpreanos do 2014. Sergio cumpriu xa 5 anos, é o máis maior da clase. Celebrámolo cun biscoito que nos encantou, tiña chocolate polo medio! Mmmmmm.

sábado, 18 de enero de 2014

REGALOS DE REIS

Que sorpresa levamos a volta das vacacións de Nadal cando descubrimos que no cole tamén nos deixaran uns regaliños os Reis Magos. Debímonos portar moi ben porque nos trouxeron uns agasallos chulísimos: un xogo para crear distintas figuras con tornillos e tuercas e un peluche do noso amigo Diego, o tigre de dentes de sable. Mirade como xogamos estes días con eles!

lunes, 6 de enero de 2014

VISITA DOS REIS MAGOS

Que tal se portaron os Reis Magos? Seguro que fostes bós e Melchor, Gaspar e Baltasar vos trouxeron moitos agasallos.
Os tigres, o xoves día 19 de decembro recibimos no cole a visita das Súas Maxestades de Oriente e, aínda que ao primeiro algúns estabamos un pouquiño nerviosos e con algo de medo, cando nos tocou o turno de darlles a nosa carta na biblioteca fomos uns valentes e conseguimos ir falar con eles e explicarlles todo o que lles pediamos.
Aquí vos deixamos as fotos desta visita tan especial. Agardamos que vos gusten.

miércoles, 1 de enero de 2014

FELIZ 2014

 Aproveitamos esta primeira entrada do ano para ensinarvos algunhas das fotos do día do festival de Nadal. Como estivemos bastante atarefados e con moitos nervios para que a actuación saíra perfecta case non tivemos tempo de sacar fotos. Se queredes ver o vídeo da nosa actuación tedelo no blog xeral dos Labartapedra http://oslabartapedra.blogspot.com.es/

Que este ano que comeza traia o mellor para tod@s. Unha aperta moi grande.