sábado, 28 de junio de 2014

OS TIGRES NO PATIO

Aquí nos tedes desfrutando dos últimos días de curso no patio do cole. Entre risas, xogos, carreiras, fútbol e apertas pasamos moi bós momentos. Aquí está a proba!

jueves, 26 de junio de 2014

POR FIN! OS NOSOS VERMIÑOS CONVERTÉRONSE EN BOLBORETAS!

Na última semana que pasamos os tigres no cole tivemos a sorte de poder comprobar por nós mesmos o último pasiño na evolución dos vermes de seda. Estes saíron dos seus casulos convertidos nunhas bolboretiñas grises moi simpáticas. Neste momento, puidemos diferenciar entre as bolboretas femia que son máis pequenas e están máis quietiñas e as bolboretas macho, máis grandes e cun movemento de ás constante para chamar a atención das femias. 
Pasado un tempo as bolboretas puxeron os seus oviños dos que máis adiante sairán máis vermiños e outra vez volta a empezar.
Aquí vos deixamos as fotos desta actividade tan chula!








domingo, 22 de junio de 2014

CANTO TRABALLAMOS NESTE ÚLTIMO TRIMESTRE!

Nestes últimos días do terceiro trimestre estivemos moi atarefados preparando as portadas para levar a casa os nosos traballos. Por unha banda, fixemos un cangrexiño moi simpático para presentar as nosas fichas diarias e para o cal realizamos distintas tarefas: picado, estampado con corchos e con bastonciños das orellas, moldeado de plastilina, pegado de gomets... 
E por outra parte, tamén fixemos as portadas para o proxecto anual da Prehistoria. Para isto, repasamos con ceras brandas a silueta dun bisonte, a continuación fixemos unha bola co papel para que quedara moi engurrado e, por último, pintamos cun pincel e con témpera marrón augada por dentro do animaliño. Para darlle un toque máis prehistórico, as profes queimáronlles un pouquiño os bordes ao papel e.... aquí tedes os resultados. 
Agardamos que vos gusten!

viernes, 20 de junio de 2014

FELICIDADES PABLO!

Só nos faltaba Pablo para completar as celebracións adiantadas dos cumples. O mércores foi o seu día e encantounos pasalo ao seu lado, soprando as velas, cantándolle e probando o riquísimo biscoito de chocolate feito pola súa mami. Ademais, tivemos a sorte de que tamén nos trouxo un tubiño de Lacasitos para cada un. Moitas grazas Pablo e que cumplas moitos máis!

viernes, 13 de junio de 2014

CELEBRAMOS O CUMPLE DE ANA

Seguimos coas celebracións adiantadas dos cumples do verán. Este xoves tocoulle a Ana soprar a vela dos 5 anos e recibir moitas felicitacións. Ela agasallounos cun riquísimo biscoito da panadería dos seus avós que tiña a Hello Kitty feita con azucre, chuches e tronquiños de chocolate facendo de bigotes. Encantounos! Moitos parabéns Ana!

ARTISTAS PREHISTÓRICOS

Esta semana estivemos traballando a arte rupestre e, para iso visionamos na nosa pantalla pequenos trozos de documentais nos que puidemos ver como eran as pinturas que se facían dentro das cavernas e que se empregaba para facelas. Deste xeito, aprendemos que aos cavernícolas gustáballes moito representar escenas de caza e tamén pintar as súas mans. Isto facíano tanto en positivo (mollando a palma da man e estampándoa) como en negativo (colocando a súa man limpa na parede da caverna e, a continuación, soprando por unha cana que tiña dentro arcilla, sangue... e deixando así a silueta da man). 
Os tigres non queriamos ser menos e decidimos estampar as nosas mans nas paredes da cova que temos na entrada do cole e así o fixemos. Mirade, mirade!

martes, 10 de junio de 2014

ANIVERSARIO DE LOLA

Hoxe tivemos na clase a celebración adiantada dos 5 aniños de Lola, xa que ela os fai no mes de xullo, cando xa non hai cole. Tivemos tempo para sacarlle unhas fotos coa súa coroa, cantarlle o cumpreanos feliz, darlle uns tiróns de orellas e, por suposto, soprar as velas e degustar a riquísima tarta que trouxo.
Ademais, Lola tíñanos unha sorpresa preparada: un cucurucho de chuches para cada un de regalo!!
Moitas grazas Lola e que cumpras moitos máis!

viernes, 6 de junio de 2014

FACEMOS UN EXPERIMENTO

Hoxe convertémonos en científicos por un día. Para poder facer o noso experimento necesitamos 3 caraveis, 3 vasos de tubo transparentes e 3 botes de colorante líquido (amarelo, azul e vermello). 
O primeiro que fixemos foi encher os vasos con auga ata a metade, a continuación, botámoslle un pouco de colorante en cada vaso ata que a auga quedou completamente tinguida: nun vaso botamos azul, noutro vermello e no último amarelo; e, finalmente, introducimos cada flor dentro dun vaso.
Unha vez feito isto, comezamos a pensar que sería o que podería pasar. Houbo respostas de todo tipo: "crecerán moito", "sairanlle fillos", "caeranlle as follas" e incluso que "as follas dos caraveis poñeranse da cor da auga do vaso". Moitas voltas lle demos as nosas cabeciñas!
Ao cabo dunha hora máis ou menos, a flor que estaba no vaso azul comezaba xa a cambiar a súa cor e nos extremos dos seus pétalos xa se empezaba a distinguir a cor azul. A medida que foi avanzando a mañá, nas outras dúas flores tamén se empezaban a ver resultados. 
Como estabamos tan emocionados con este experimento, decidimos darlle unha volta máis e probar a ver que pasaría se misturáramos dúas cores nun mesmo vaso. E así o fixemos, botamos azul e amarelo noutro recipiente con auga e.... SORPRESA! a auga volveuse de cor verde. Alí metemos o noso último caravel para ver se tamén este cambiaba de cor. 
Aquí tedes as fotos desta actividade tan interesante!

 

miércoles, 4 de junio de 2014

MELLORES LECTORES DE MAIO

E aquí temos aos últimos, pero non por iso menos merecidos, mellores lectores e lectoras do curso. Neste mes de maio os elixidos polo seu interese e gusto polos contos son catro: Rubén, Luana, Carmen e Pablo.
Moitos parabéns! 


UNHA VISITA MOI ESPECIAL

Esta mañá tivemos no cole uns invitados moi especiais: un cetrero que veu acompañado da súa curuxa, Duda. Despois do recreo, fomos todos para a pista verde e alí disfrutamos dunha pequena exhibición: o cetrero deixaba a Duda enriba dunha portería para, a continuación, chamala e que esta volvera a pousarse no seu brazo. Como eramos moitos e a pobre curuxa estaba un pouquiño abrumada, fomos cada curso para a nosa aula e o cetrero foinos visitando. Así puidemos preguntarlle algunhas dúbidas, escoitar atentamente as súas explicacións e comprobar o suaves que son as plumas da curuxa (non todos, porque algúns non estabamos moi convencidos de achegarnos tanto a ela).
Aquí vos deixamos as fotos desta agradable visita!

martes, 3 de junio de 2014

ANIVERSARIO DE ALBA

Cada vez somos máis os que xa estamos no clube dos 5 anos. Hoxe foi turno de Alba e celebrámolo como se merece: cun biscoito riquísimo adornado con chuches, cunha coroa preciosa e cantando e soprando a vela. Pasámolo xenial!
Moitas felicidades Albiña!